Gloria Fuertes, poeta

Posted by franciscocastro - 28/07/16 at 02:07 p.m.

Gloria-Fuertes

Hoxe fálase moito de Gloria Fuertes máis que polos 99 que cumpriría senón porque Google (e hai que aplaudilos) lle dedicou un doodle, xa sabedes, quen entre hoxe no buscador verá unha animación na que a poeta (non digades poetisa, por favor) aparece contándolle uns contos a unha cativada atenta.

Os meus recordos de Gloria Fuertes non diferirán moito dos que teredes a meirande parte dos que me ledes. Chegoume, como case que todo, pola televisión (xa expliquei mil veces que as miñas grandes influencias como creador non son literarias, senón a tele e o cine, e o rock e os tebeos). E iso mesmo xa é alucinante. Gloria Fuertes saía A DIARIO, na Televisión e durante a programación infantil. Como o ledes e lembrades. Todos os días, aquela señora contábanos, á hora da merenda, contos, lía poemas, ou falaba de calquera cousa marabillosa. Si, estades lendo ben: na programación televisiva.

Se hoxe a calquera directivo de televisión se lle di levar poesía ás nenas e nenos pode morrer esgazado polo ataque de risa que lle pode dar.

Debo confesar que sempre me amolou, moito, a condescendencia e superioridade coa que moita xente, sobre todo “intelectuais”, trataron a obra de Gloria Fuertes (isto pasa en todos os sistemas literarios: hai quen pon a feder un libro porque se vende…). Para min sempre foi unha poeta das grandes e reléndoa, cando o meu fillo maior era pequeno, atopei sabedoría literaria por un tubo e altura creativa indubidable.

De memoria, só me sei un poema de Gloria Fuertes que me aprendeu a miña amiga Fina Casalderrey e que explica moito mellor o mundo que mil analistas sesudos nas súas columnas estériles. Di así:

Yo como

Tú comes

El come

Nosotros comemos

Vosotros coméis

¡Ellos no!

Os comentarios están pechados.