125 millóns de mulleres mutiladas xenitalmente: E se fosen homes?

Posted by franciscocastro - 27/07/16 at 02:07 p.m.

Mutilación

Segundo a Organización Mundial da Saúde, na actualidade hai vivas no mundo arredor de 125 millóns de mulleres ás que se lles practicou a ablación de clítoris, ou sexa, a mutilación xenital feminina, fundamentalmente en África e Oriente Medio. Só en Mali, como a Cruz Vermella lembraba hai uns días, o 85 por cento das mulleres sufriron esta forma extrema de violencia. As consecuencias xinecolóxicas, obstétricas, psicosociais son de todas e todos coñecidas.

Como de todas e todos é coñecido o desleixo, o desinterese e o pasotismo, en xeral, do mundo occidental á hora de comprometerse na erradicación desta barbarie que atenta contra os dereitos humanos das persoas que padecen esta lacra. Xa sabedes, por aquí cazamos Pokémons.

Énchesenos a boca á hora de falar de globalización e de que todo o que pasa que nos afecta a todos. O que sucede é que, se o que pasa lle sucede ás mulleres, e ademais ás mulleres pobres, semella como que o compromiso do resto do planeta é menor. Pode soar radical. Pero a vida hai que tomala dun xeito radical, é dicir, indo ás raíces. E o certo é iso, que non lle damos a mesma importancia a todos os problemas. Onte un sacerdote foi degolado por islamistas en plena misa. Hai titulares e opinións pedindo protección para os curas. E hailla que dar, faltaría máis. Pero, quen protexe a esas nenas? Quen?

Quizais o problema é que, precisamente, no fondo non se percibe como un problema.

Igual se fosen homes alguén vería de bucar a solución…

 

Os comentarios están pechados.