E logo do 25 de xullo, e do 17 de maio, que? (Farto, moi farto)

Posted by franciscocastro - 26/07/16 at 02:07 p.m.

Apóstolo

Onte vimos, sobre todo nas redes sociais, imaxes e discursos e poemas e fotos e xa sabedes cantas cousas bonitas e sentidas e emocionantes, de amor á nosa terra.  Quero dicir: Á Nosa Terra. Incluso as primeiras páxinas dos xornais estaban en galego!!! Logo os abrías e xa estaban “normais”, ou sexa, en castelán, non fora ser que a alguén lle dese un ataque. Toda unha metáfora, iso das portadas en galego e o resto en castelán, de como se viven eses días. O 25 de xullo ou o 17 de maio. Días de maquillaxe, días nos que alguén se esforza en que todo pareza, precisamente, “normal”. Días de aparentar. É así de noxento: xa cumprimos estes dous días, non nos pidades máis. Ahí teneis unas letritas en gallego.

No persoal, cada vez levo peor o 25 de xullo e incluso o 17 de maio. E a cada día que pasa insisto máis no obvio: o importante non son eses dous días. Os que interesan son todos os demais, nos que de novo todo o que teña que ver co galego, coa lingua, coa patria ou matria ou fratria, se dilúe no limbo da inexistencia. De que me serve que #DiaDeGalicia fose Trending Topic se mañá os prexuízos sobre todo o noso van seguir? Tamén foi TT o dos Pokemons. Esa parvada. De que me serve que onte, ou o Día das Letras a publicidade institucional me lembre o moitísimo que nos queremos os uns aos outros, o lindiña e curriña que é a miña xente e a miña terra e o marisco e as praias e ailaleo e ailalalo, se logo, no día a día, a ninguén lle importa facer absolutamente nada?

A realidade é a que é: dende hai anos estamos por debaixo do 50 por cento de falantes en galego, cada día galegas e galegos emigran para buscar traballo fóra, os nosos soldos están non precisamente arriba se nos comparamos co resto do estado…

Continúo?

Para que.

O 25 de xullo está moi ben. O 17 de maio, nin vos conto. Pero, e o resto do ano? Que facemos o resto do ano?

No persoal, o meu estado é farto. Por completo.

Os comentarios están pechados.