Donald Trump e a Chaqueta Metálica

Posted by franciscocastro - 20/07/16 at 02:07 p.m.


 

Onte vin unha película que desexaba ver dende hai anos e que nunca puidera. Esa marabilla de Kubrick titulada “A chaqueta metálica”. Vina e marchei a durmir desacougado.

Entre outras moitas cousas, fala do mundo dos Marines, xa sabedes, eses soldados de elite, absolutas máquinas de matar de corazón de pedra, que “polo seu país”, como se di na película “se comen los huevos y piden una segunda ración”. Ademais da reflexión sobre o absurdo da guerra, sobre o descoñecemento do motivo real polo que os soldados estaban en Vietnam, o certo é que a película, que pretende ter un certo aire documental sobre o que foi aquel conflito bélico, descaouga porque explica o que hai dentro da cabeza deses soldados e de boa parte do pobo estadounidense….e da cabeza de Donald Trump, dende onte, candidato oficial do Partido Republicano á Casa Branca e que, dende logo, pode ser o vindeiro presidente dos Estados Unidos. Non é ningunha parvada pensalo. E se tivese ocasión de influír nos votantes dese país, diríalles que o pensen ben, que non lle voten e que sexan conscientes de que pode non haber unha volta atrás. Literalmente. Pode non haber unha volta atrás se lle dán o poder a este individuo.

As barbaridades que se escoitan na película de Kubrick, ambientada na realidade de hai 50 anos, son as que saen pola boca sinistra deste señor que non se molesta en disimular quen é en verdade: un ser racista, xenófobo, machista e, sobre todo, superficial. Vende o seu discurso, e con éxito, usando argumentos patrióticos do máis simple e que se reducen basicamente ao mesmo de sempre: menos mal que Estados Unidos garante a liberdade no mundo,  hai que lle facer a guerra aos comunistas (ou islámicos, aí non distinguen iso de islamistas), os estranxeiros deberían irse á súa casa, etc.

A ultradereita está gañando posicións en Europa e este señor pode ser o presidente do país máis potente do mundo. Como escenario é estarrecedor. E, aínda que non o creades, unha cousa ten moito que ver coa outra.

Os comentarios están pechados.