Falemos en serio de Cultura e de Industria Cultural

Posted by franciscocastro - 18/07/16 at 02:07 p.m.

Libro

Falemos en serio de cultura, de industria cultural, do peso que a cultura ten na realidade europea, española, galega, e daquela falemos pedindo respecto. Porque moitas veces pénsase que isto da cultura, os traballos relacionados con eles, a industria cultural (editoriais, cine, artes escénicas, etc.) é algo menor e sen importancia real no conxunto global da sociedade, así que tanto ten negarlle axudas, poñerlle o IVE polas nubes ou non despeitearse se pecha unha librería, unha editorial, unha produtora de cine. Tanto ten. Iso é cousa de catro parvos. E non, xa veredes que non.

E como digo que imos falar en serio o que imos facer é falar de números, de economía e de datos concretos. A ver se así os que nos malgobernan a nivel autonómico, estatal e europeo, entenden algo.

Os datos que vou ofrecer aquí están tirados dun informe de hai un ano (decembro de 2014, non hai grandes cambios dende daquela) da prestixiosa consultora Ernst & Young, moi pouco sospeitosa, por certo, de estar entregada á horda de críticos esquerdosos cos que polo xeral moita xente relaciona, así sen máis, ás persoas que traballamos, profesionalmente, cobrando unha nómina a fin de mes, na cultura.

E velaí van, para a nosa e vosa reflexión.

Lendo o informe resulta que:

-A cultura é o terceiro sector con MÁIS EMPREGO DIRECTO en Europa.

-Que hai máis postos de traballo dependentes das industrias creativas QUE DAS TELECO.

-Que 7 MILLÓNS DE POSTOS DE TRABALLO ( o 3,3% do mercado laboral europeo) dependen directamente da industria cultural e creativa.

-Que dende o inicio da crise, en 2008, o sector (libro, música, artes visuais, cine, medios de comunicación, publicidade, arquitectura, videoxogos…) seguiu creando postos de traballo, CUN CRECEMENTO ANUAL DO 0,7 % mentres caían todos os demais sectores.

-Que a industria cultural ESTÁ POR DIANTE EN POSTOS DE TRABALLO DA METALURXIA E SIDERURXIA, O SECTOR ALIMENTARIO E BEBIDAS, AUTOMÓVILES, INDUSTRIA QUÍMICA E TELECOMUNICACIÓNS.

-Que o sector en Europa FACTURA 536.000 MILLÓNS DE EUROS AO ANO.

Podería seguir debullando o informe pero coido que xa é dabondo para termos claro que a industria cultural existe (outra cousa é a forza de cada industria cultural en cada páis-comunidade lingüística concreta) e que é moi importante, que ten un peso específico económico máis que relevante e que, polo tanto, ningún goberno pode lexislar sen ter presente esa realidade laboral, económica e produtiva concreta. E, por suposto, que ningún goberno pode actuar na súa contra. Non entenderiamos un executivo que loitase contra o medre e sostemento da industria automovilística, por exemplo. Máis ben todo o contrario. Entendemos que haxa axudas, planes específicos para o seu desenvolvemento e apoio constante. Pois outro tanto acontece coa cultura. Ou debería acontecer.

Aínda que teño a sensación de que non acontece…

Os comentarios están pechados.