Gozar da morte en directo en Pontevedra ou onde sexa

Posted by franciscocastro - 11/07/16 at 02:07 p.m.

Pontevedra

Os xornais anuncian a volta da “feira taurina A Peregrina en la centenaria plaza de toros de Pontevedra”. Si, contan isto en 2016, nun ano no que se montásemos un espectáculo de tortura e asasinato lento con agonía e desangrado de lindos gatiños con música, nos meterían no talego por maltrato animal.

Pero non é isto do que quero falar. Nin sequera do gravísimo que me parece que a tauromaquia reciba unha millonada de euros en subvencións mentres se lles quita a outras partidas máis importantes, senón do odio, o morbo pola morte, a violencia. Todo iso que lles encanta aos que amparándose en non sei que tradición secular e do destino do touro e outras memeces polo estilo, gozan da festiña (festa?, en serio?). Todo iso que ten que ver co peor do ser humano, coa súa parte máis bestial.

Esta fin de semana un touro, defendéndose lexitimamente dun señor vestido raro que o quería matar, cargouse a ese toureiro. Sinto por el. Pero estaba alí voluntariamente. Como os corneados nese macrobotellón, nos últimos tempos ademais famoso polos abusos contra das mulleres, que é a cousa esa de Pamplona. Están aí porque queren. Que os matan? Odiádeme, pero non me saca unha bágoa ese asunto. E mira que eu son de chorar doado.

O que si me saca, é carraxe.

E dáme noxo que TVE dea os encerros. E que haxa programas taurinos. E que certa prensa de papel teña, na sección de Cultura!, as crónicas das corridas.

Agora toca sesión de todo iso en Pontevedra.

Que noxo que dá.

Os comentarios están pechados.