Eu, escritor

Posted by franciscocastro - 30/06/16 at 02:06 p.m.

Escritor

Leo un informe científico que di cousas que xa sabía: que escribir é bo para o cerebro, que o acto de escribir mellora a nosa vida, a expresión, que reduce a ansiedade e o stress, que facilita a aprendizaxe, que desenvolve as nosas habilidades de comunicación… e logo xa cousas máis impresionantes como que a xente que adoita escribir (non escritores/as con libros, senón quen ten o costume de verquer palabras en diarios, cadernos, etc.), atopan con máis facilidade traballo, que son máis organizados e xa que logo que rinden máis, e, alucina, que ligan máis que o resto.

Todo iso é marabilloso e, seica, verdade.

Eu só podo engadir (e o meu non ten ningunha validez científica) que grazas a que son escritor, non estou tolo perdido, que a miña vida é mil veces mellor do que nunca soñara, que son máis consciente de todo o que pasa porque estou máis atento, obsesionado por contar, por poñerlle palabras ao que sinto e vexo. Grazas a que son escritor vivo máis e mellor. E, sen dúbida, son moitísimo máis feliz.

 

Os comentarios están pechados.