O de onte

Posted by franciscocastro - 27/06/16 at 02:06 p.m.

Rajoy

Onte vin xente botándose as mans á cabeza e repetindo, máis ou menos, o mesmo argumento-frase-mantra: pero como é posible que malia a corrupción, a Púnica, a Gürtel, as Black, o Ministro do Interior facendo esas cousiñas que todos sabemos, o outro en Panamá, o sms “Luis, se fuerte, hacemos lo que podemos”, etc, etc, o PP aínda suba máis? Ou, noutra versión: que ten que pasar para que se lles saque do poder?

Eu creo que hai que entender as cousas como son. E así, o estrépito, será menor. Porque cando se entende a realidade súfrese menos.

Porque unha cousa é como nós entendemos que debería de ser a realidade. E outra, ben diferente, como a realidade é. Unha cousa é como nós entendemos que o mundo sería mellor, e outra, o feito de que para moitísima xente o mundo, tal e como está, está moi ben aínda que haxa guerras, nenos soldados ou, como pasa en España, unha violación cada dous días, por poñer algúns exemplos. Por iso se chaman conservadores. Porque queren que todo fique igual. E ollo, non por amolar. É que cren que así todo está ben.
Veredes: tendemos a pensar que o mundo é tal e como está na nosa cabeza. E non tal.  Non é. Nin de lonxe é como está na nosa cabeza.

Tendemos a pensar que todo o mundo ve as imaxes na tele que vemos nós, os programas que vemos nós (eses informativos nos que se denuncian os casos de corrupción, onde se lle sacan as cores aos gobernantes), que len os xornais que lemos nós (esas información que nos dán a entender a necesidade de cambio), que falan das cousas que falamos nós, que se escandalizan dos asuntos que nos escandalizamos nós, que ven as páxinas web, os perfís nas redes sociais que vemos nós. E non é así. En realidade somos moi poucos. Facemos moito barullo. Pero somos poucos.

A realidade, como vos digo, é outra.

Quizais máis gris.

Pero máis real.

O certo é que a meirande parte da poboación non ten problema en aceptar a corrupción. É máis, pensan que hai algunha especie de “dereito dos señoritos” a trincar o que poidan. E máis aínda, se puideran, faríano tamén eles. Entenden como normal, comparten, non ven mal, aceptan, o enchufismo, o tráfico de influencias, os favoritismos. É duro, pero é así. E o que lles parece preocupante non é que un Ministro do Interior se compinche con outros para atacar rivais políticos. O que lles parece grave é que un candidato vaia ver ao Rei e use coleta. Non é unha frase inxeniosa. É literalmente así.

E o certo é que á meirande parte da poboación tanto lle ten que o presidente do goberno diga obviedades sen ningún calado político, que se trabuque en cousas básicas ou directamente, que falsee a realidade. “Son los nuestros” e como son os nosos, eu vótolles. Non lles interesa que lles expliques que os recortes son por eles. Non lles interesa que lles argumentes que hai millóns de euros que se gastan en cousas pouco importantes e que habería que dedicar, por exemplo, a dependencia ou a axudar aos nenos e nenas con necesidades especiais. O que lles interesa, entendámolo, é que haxa Fórmula 1 en Valencia, por dicir calquera cousa. Porque si, na terra de Rita Barberá gañou de novo o PP (e están perfectamente informados de que toda, TODA, a cúpula do PP de Valencia está imputada por corrupción). Volveron gañar e por goleada. Entendámolo. Asumámolo. E deixemos de sufrir.

Á meirande parte da poboación non lles preocupa o que lles pase aos refuxiados, ás mulleres maltratadas, ás linguas minorizadas, aos homosexuais, ao sistema educativo ou sanitario. E como non lles preocupa, poden concentrar a súa atención noutros asuntos que si lles preocupan e meten medo. En Venezuela, por exemplo, e tomar en serio que aquí o obxectivo é facer unha ditadura bolivariana. Ou en que os galegofalantes queremos destruir o castelán. E tómalo tamén en serio.

A cousa é así de simple. Visto o visto, a meirande parte da poboación está cómoda, satisfeita e convencida de que España va bien. Así que para que facer cambios.

(E quen os votou, sobre todo quen os votou, que son se queixen. E os que falan de cambio e de revolución e de non sei que e que igual están máis pendentes de si mesmos que de outros, xogando ao tacticismo, tampouco).

Os comentarios están pechados.