Fernández Díaz, De Gea…pero non falamos do importante

Posted by franciscocastro - 23/06/16 at 02:06 p.m.

PicMonkey Collage

Escoitei a Fernández Díaz, vía Periscope, que son un modernito, explicar o das filtracións. E escoito á xente do seu partido repetir o mesmo mantra: “isto é unha conspiración, que vergonza que o espiasen, como é posible a filtración, que pouca saúde democrática”. En troques de falar do que hai que falar, de como é posible que un Ministro do Interior se confabule con outros para prexudicar a mantenta a un rival político, o que pretenden, como se fosemos menores de idade idiotas, é que miremos para onde non hai que mirar, que nos esquezamos do gravísimo que é que un ministro actúe así e que o vexamos como un damnificado.

El, de feito, claro, non fai máis que repetir unha e outra vez que el é unha vítima. Leva dous días repetíndoo.

O asunto é moi semellante a todo o que se comenta sobre os supostos prostituidores De Gea e Muniaín (si, escribín “prostituidores”; falemos en propiedade: non hai que poner o ollo sobre as prostitutas, senón sobre os puteiros;  non hai que falar tanto das prostitutas, senón dos homes que as tratan como gando e obxectos de consumo…porque existen homes así existe a prostitución, non é ao revés).

Sen ir máis lonxe, onte, na radio, Cárdenas, en Europa FM, un home con moitísima audiencia e que xa ten recibido críticas moi duras por parte das feministas e de calquera que teña dúas neuronas activas polo tipo de comentarios que sempre fai sobre as mulleres, insistía en que non era para tanto o asunto porque “el uso de la prostitución en España no es delito” e nos lembraba todo o tempo que as rapazas son “mayores de edad”. Os xornais deportivos, pola súa banda, dedicáronse a falar da “unión de la selección” dende que saltou o caso,  que “todos están con el portero de La Roja” e, como moito, certa preocupación por como afectará ao seu rendemento. Pero nin unha palabra sobre esa forma extrema de violencia que é a prostitución. O Cardenas, diante da súa millonaria audiencia, despachouse a gusto, por suposto, falando da inmoralidade de que se filtrasen os wasapps dos futbolistas, e puxo o berro no ceo pola filtración. Pero nada de reflexionar sobre a escravitude sexual ou o noxento comportamento de quen merca carne para o seu goce.

E claro, repetiu que eles son as vítimas.

Unha vez máis, obrigándonos a ver para onde non hai que ver.

Así que falemos ben:

O importante é que hai ministros que supostamente espían a rivais políticos. Diso  hai que falar.

O importante é que hai homes que sustentan o negocio da prostitución. Puteiros. Eles son o problema, non as prostitutas. Diso hai que falar.

O menos importante é quen fai as filtracións ou se é legal ou ilegal o consumo sexual previo pago.

Falemos en propiedade.

Os comentarios están pechados.