Coma no 39

Posted by franciscocastro - 20/06/16 at 02:06 p.m.

Valencia

O pasado xoves estiven toda a tarde en València reunido con editoras e editores falando de libro dixital, Edición 3.0., novas formas de comunicación no mundo do libro, eBooks, etc. Todo moderno, século XXI, actualidade, en realidade, futuro. Ao saír, os compañeiros e compañeiras, do Convento do Carme onde eran as xorandas Galeúsca de Editoras e Editores, desembocamos na praza da Catedral. Estaba ateigada de xente convocados polo Arcebispo Cardeal Cañizares para “desagraviar”, con rezos, rosarios e máis rezos e misa, á Virxe que, seica, un colectivo moi minoritario LGTB insultara cun cartel no que puñan, como celebración do Día do Orgullo, a dúas virxes bicándose (ollo, un grupo minoritario, os grupos maioritarios desmarcáronse do cartel) .

Sen entrar en cuestións relixiosas nin nas crenzas de cada quen, foi como viaxar no tempo. E velaí queda a foto que discretamente fixen. Bandeiras de España coas letras, moi grandes de VIVA CRISTO REY, ESPAÑA CON CRISTO REY Y LA SANTÍSIMA VIRGEN, ou VALENCIA CONTRA LA DEGENERACIÓN, moitas máis bandeiras de España inzadas por xente con estética pseudomilitar, representantes de España 2000, un coñecido grupo da ultradereita, moito cura vestido de cura (non de paisano), moitas monxas, e moita, moita, moita xente enfadada, mesturando no mesmo discurso patriotico-relixioso-españolista, todo, ata bandeiras e boinas carlistas (esa xente que aínda non a vin enfadarse porque asasinen mulleres, por exemplo).

Metía medo, a verdade.

Por certo que o único partido que acodiu foi o PP. A presidenta local foi falar brevemente co arcebispo. Tamén estiveron varios deputados (acoden estes ás concentracións contra da violencia de xénero?).

Logo, segundo leo na prensa, dentro da Catedarl, Cañizares volveu a insistir en que non existe a Violencia de Xénero (iso non é ofensivo?).

Como as crónicas  deixaron claro ao día seguinte (onde nin unha palabra se dixo deses editores e editoras que levaban días falando de cultura), un acto así non se celebraba en Valencia dende o ano 1939.

Nós falando de futuro e tanta xente nostálxica do pasado…

Os comentarios están pechados.