Borges, 30 anos despois

Posted by franciscocastro - 14/06/16 at 02:06 p.m.

María Esther Vázquez

Hoxe cúmprense 30 anos do pasamento de Jorge Luis Borges, un dos autores que máis me marcaron, moi probablemente porque o lin no momento perfecto, concretamente cando principiaba os meus estudos de Filosofía en Santiago. Merquei un exemplar de “Narraciones” (unha escolma preparada por Marcos Ricardo Barnatán) cando tiña 17 anos na Feira do Libro de Vigo, e foi ese un volume que me levou a “El Aleph” primeiro, e ás Obras Completas máis adiante. Dende aquela, non deixo de volver unha e outra vez a Borges. E non deixo, unha e outra vez, de marabillarme diante da súa prosa prodixiosa, envexoso dese talento.

Como digo, levo volvendo a el ano tras ano. A Borges. A Whitman. A Stevenson. A Verne. A Celso Emilio Ferreiro. A Philip Roth. Sobre Borges escribín en canta publicación se me ofreceu para dicir algo. E este ano, na viaxe á Feira do Libro de Buenos Aires que nunca hei esquecer, tiven a sorte de compartir parladoiro con grandes expertos e amigos seus e, sobre todo, con María Esther Vázquez, amiga íntima e, sobre todo, colaboradora estreita que con el asinou libros. Velaí deixo a foto dese encontro.

Borges dicía que unha das formas da felicidade é ler “A illa do tesouro” de Stevenson. Concordo ao cento por cento. E engado: unha das formas da felicidade é ler a Borges.

 

Os comentarios están pechados.