E vai facer Cañizares unha declaración de solidariedade co colectivo LGTB?

Posted by franciscocastro - 13/06/16 at 02:06 p.m.

Cañizares

Entro en twitter e convénzome (aínda que xa o estou dende os 12 anos ou así) da necesidade de que aquilo que gregos e romanos tiñan tan claro se faga de vez: separar, e para sempre, a relixión da vida civil. E nada teño que dicir sobre o que cada un queira crer. Sinceramente, é que non me importa. Son ateo e non me amola que ti non o sexas. Pero si que os crentes (de calquera relixión) pretendan organizar a miña vida, a regulación xurídica das leis do estado, a educación dun país dictando o que os cativos e cativas deben aprender ou non, o que se pode ler nos libros, publicar ou censurar, ver nos cines ou emitir na televisión. Somos adultos, dixo Kant no século XVIII, así que a relixión agora ten que quedar no ámbito do íntimo. Pero pasan tres séculos e non, resulta que non. Que esa maioría de idade da que o filósofo alemán falaba e que nos permitía declarar o tempo da Deusa Razón aínda non chegou.

Dicía que entro en twitter e os tres primeiros chíos volven convencerme do que xa sei: un fala de que o asasino de Orlando era un islamista radical; o segundo, que un grupo terrorista afín a Al Qaeda asasinou a un refén canadiano; e o terceiro, que o cardenal arcebispo Cañizares organiza unha concentración para rezar o rosario como acto de desagravio porque non lles gustou unha imaxe elaborada por un colectivo LGTB para celebrar o seu Día do Orgullo e no que as Virxes de Montserrat e a dos Desamparados se bican na boca.

Ben sei que non son cousas comparables na súa magnitude, pero si que teñen algo en común e é a crenza, por parte de moitísimas persoas que profesan unha relixión, de que a súa verdade, a súa fe, o seu convencemento cego de que Deus está con eles, está por enriba de calquera outra cousa. Incluso da vida ou da liberdade dos demais.

De Cañizares espero unha declaración de solidariedade co colectivo atacado en Orlando.

Os comentarios están pechados.