A literatura que me salvou a vida

Posted by franciscocastro - 06/06/16 at 02:06 p.m.

book-926095_960_720

O outro día, logo dun coloquio con adultas e adultos sobre a miña novela, dixen a un grupo de lectoras coas que abandonaba o edificio onde se celebrou o acto, que a min, a literatura, me salvou a vida. Non é unha frase feita de escritor, unha desas sentencias que largamos poñendo cara de interesantes. É literal. De non ser polo meu oficio de escritor, sen dúbida estaría morto. Agora non digo literal, pero si que eu non sería eu. Dende logo, tal e como me coñezo, aturo, gozo, sinto, non sería. Sería outro. E digo sen falsa modestia: sería outro peor.

Fantasiar, inventar realidades, completar o meu mundo con outro paralelo, é o que me permite, día a día, seguir adiante, sorrir, respirar. Non entolecer. Iso: ter vida. Salvarme de min mesmo.

Ray Bradbury escribiu: “Hai que inxectarse cada día de fantasía, para non morrer de realidade”. Sen dúbida expresouno mellor ca min. Pero vén sendo basicamente o mesmo. Porque a realidade si que é letal.

Por iso leo. Escribo. Soño. Atrapo palabras.

E son.

Os comentarios están pechados.