Mulleres e poder

Posted by franciscocastro - 26/05/16 at 02:05 p.m.

Feminismo

Mirade ese cadro. Tomeino do perfil en twitter @femilustrada Fala do número de mulleres que ocupan postos directivos na Banca española, é dicir, no Poder Real. Como vedes, é case que anecdótico. O mesmo cómpre dicir de practicamente todos os estamentos profesionais que teñen que ver con toma de decisións con calado social. Poucas mulleres na banca, no xornalismo, na edición, encabezando listas electorais, dirixindo partidos políticos, grandes empresas… das poucas que hai, moitas están aí porque os seus vencellos familiares, de propiedade, así llo garanten (a señora Botín, por exemplo).

Cando vou aos coles e institutos sempre me reivindico como home feminista. Dígolles que como rapaces deben de ser abertamente feministas, exercer o feminismo, loitar porque todas e todos se atrevan a levar unhas gafas lilas postas para ver a realidade. Coméntolles que só así conseguiremos achegarnos á igualdade. E que unha sociedade onde hai discriminación por cuestión de sexo, é unha sociedade inxusta e en absoluto democrática. E que a nosa continúa dominada polo falocentrismo e os mecanismos de dominación patriarcal.

Escoito moi pouco aos Catro Magníficos, todos homes, claro, e que aspiran á presidencia do goberno (eses catro que ocupan toda a atención mediática, como se non houbese máis opcións….por certo, algunha outra opción si que ten unha muller á fronte) falar destas cuestións. Non está moito nas súas axendas. Só sabemos que os de Ciudadanos, que no anterior programa electoral se ensarillaron con cuestións de que toda a violencia é igual, que tanto homes como mulleres maltratan, etc, desta volta “corrixírono”.

Non falan, Eses Catro Machotes, por exemplo do medre brutal de casos de violencia de xénero entre a mocidade. Ou de cambiar a Constitución para que as nenas poidan ser Xefas do Estado aínda que lles naza, con perdón, unha piroliña (como un día Filipe e Letizia teñan un desliz e veña un neno, hai un problema ben gordo porque a santa Constitución mantén a supremacía testicular por enriba de todo).

Quero un mundo novo para as miñas fillas e fillos. Lila. Feminista. Liberado. Quéroo. Quéroo moito. Quéroo xa.

Os comentarios están pechados.