OS NAZIS, QUE VOLVEN

Posted by franciscocastro - 26/04/16 at 01:04 p.m.

Austria

Mentres Europa ve para outro lado, como nos anos 30 do século pasado, os nazis volven conseguir espazos de poder amparándose nunha democracia que, por certo, odian. Onte mesmo, en Austria (patria de Adolf). Celebrouse a primeira volta das presidenciais e gañou a estrema dereita, ou sexa, os nazis, os xenófobos, os violentos, os excluíntes, os machistas, os abusóns. Os malos, carallo, non teñamos medo a dicilo. Gañaron. E noutros países desta Europa que, si, ve para outro lado, non vaia ser que teña que tomar medidas, a cousa non é mellor. Os nazis recuncan en todas partes. En Francia (Frente Nacional), en Alemania (Partido Nacional Democrático Alemán), Grecia (Amencer Dourado), Finlandia (Partido dos Finlandeses), Dinamarca (Partido Popular Danés), Holanda (Partido pola Liberdade), Hungría (Movemento por unha Hungría mellor), Italia (Liga Norte), Inglaterra (Partido da Indepencia) e a xa citada Austria (Partido da Liberdade de Austria). En todas partes. Como se non existise unha historia europea, negra, chea de morte, erros e violencia, precisamente, por consentir ese tipo de formacións que só teñen unha finalidade: acabar con todo.

Son partidos guiados pola morte, pero gañan.

Son partidos guiados polo odio, pero gañan.

Só nos traerán morte e odio. Pero gañan.

E Europa, si, ollando para outro lado. Non vaia ser.

Os comentarios están pechados.