Aquel día que me abracei (sen querer) con Mario Conde

Posted by franciscocastro - 12/04/16 at 02:04 p.m.

mario_conde

Hoxe as redes sociais lembran aquel día de 1990 no que Mario Conde, trunfador, engominado, bailaor de sevillanas (coma Bertín, ese patriota xogador de futbolín), estivo na Facultade de Dereito da Univesidade de Santiago para pronunciar unha conferencia. Por aqueles días, todo o que dixera Mario Conde era Verdade Absoluta. E as institucións universitarias non foron alleas ao enfeitizamento colectivo e lembro a que se montou aquel día da conferencia compostelana, coa sala desbordada de alumnas e alumnos que semellaba mesmo que vían Un Deus. E lembro tamén que se comentara moito nos días seguintes a cantidade enorme de xente que quedara fóra Sen Recibir A Palabra.

Eu non fun porque non me interesaba. Viña de rematar os meus estudos de Filosofía e todo aquilo da economía dábame un pouco igual e, sobre todo, a xente coma Conde. Hoxe máis. Hoxe moitísimo máis.

Sen embargo, aquel día, cando cheguei a casa, contei que me abrazara con Mario Conde.

A cousa foi así: eu saía do Campus polo famoso “calexón de dereito”. Ía lendo o xornal e camiñando cos ollos fixos no papel, como aínda fago hoxe en día con libros ou a tablet, e Mario Conde incorporábase, dende a beirrarúa, ao calexón. Batín directamente contra del. De feito, pegámonos unha boa toupada. Abrazámonos para non caer. Eu dixen un torpe, “desculpe, sinto”, e el un, “tranquilo, culpa mía, no te preocupes”.

Separámonos e eu marchei esmendrellándome de risa logo de decatarme de contra quen me golpeara.

Foi o meu contacto máis intenso cun corrupto…

Os comentarios están pechados.