Odio

Posted by franciscocastro - 07/04/16 at 02:04 p.m.

Odio

Dicía Nietzsche que non hai que odiar. Que o odio é un sentimento que nos fai pequenos. Que non importa ter inimigos e que, se os temos (eu imaxino que os teño, sei que algún teño) pois o mellor é ignoralos, facer como que non existen e deixalos vivir no seu odio, na súa illa de resentimento. Que falas-pensas mal de min? que non me queres? Pois está ben. É o teu dereito. Pero eu paso. Por completo.

Por iso declaro aquí solemnemente que eu non odio a ninguén. Nin sequera a aquelas persoas que algunha vez me fixeron sentir que me odiaban. Alá eles. Eu érgome co sol e cun sorriso igual. Non odio nin sequera aos que pensan que me fan dano. Porque non mo fan.

Esa é a miña liberdade. Un patrimonio brutal e inmenso.

Borges escribiu unha frase que leva comigo toda a vida: “Se odias ao teu inimigo, convírteste no seu escravo”. É doado de entender. Se odias a alguén (por exemplo a tal equipo de fútbol, por poñer un caso simple, ou aos teus rivais políticos), cada vez que teña un éxito ti vas sufrir. E se odias a unha persoa en concreto, cada vez que lle vaia ben, sufrirás.

Así que declaro solemnemente por segunda vez: eu non odio a ninguén. Nin sequera aos que fan méritos para que lles teña un pouco de xenreira.

Náufrago e feliz. Escribindo. Así estou.

Que se saiba.

Os comentarios están pechados.