Eses ollos…

Posted by franciscocastro - 05/04/16 at 02:04 p.m.

Nena

Mirade os ollos desa nena. Ou deses nenos que andan polas fotos, desas crianzas que se aferrollan ao peito da nai desesperadas, que nos interrogan, que nos preguntan, que estades a facer con nós. Por que. Dicídeme por que.

Europa, non Grecia nin Turquía, Europa unida conforme posta de acordo miserable, Europa vai deportalos. Pero é mentira: Europa envíaos á morte. Directamente. Á morte.

Ningún dos desalmados que nos dirixen deberían coller o sono tranquilos máis nunca. Deberían espertar no medio da noite histéricos, suando, febrís, perseguidos noite tras noite tras noite polos ollos deses bebés que non dormen porque xa non saben o que é o acougo por tanta viaxe, polos ollos deses nenos tan pequenos que en troques de xogar aprenden a adiviñar nas bágoas das nais o sabor acedo da tristura.

A min persíguenme eses ollos. Os das nenas e os nenos refuxiados que mandamos de volta. Europa amósase scandalizada polos papeis de Panamá. Pero non hai escándalo porque eses seres tan pequenos, tan diminutos, tan desprotexidos, tan febles, tan dependentes de nós, entren en barcos que naufragarán entre berros, entre choros, entre rezos, entre auga salgada insolidaria que se lles mete polos pulmóns para dentro para roubarlles por segunda vez a vida. Nós xa lla roubamos antes, provocando as guerras no mundo, ou non acabando con elas. E erguendo barreiras. E deportando-expulsando-encarcerando.

Matándoos.

Soño con eses ollos e quixera ser eses ollos e conseguir que todos fosemos quen de ver a realidade a través deses ollos.

Ollos de medo. De pena. De sen aire e sen nada.

Merda de Europa. Merda.

Os comentarios están pechados.