Unha das formas da felicidade

Posted by franciscocastro - 10/03/16 at 03:03 p.m.

ZR-La-isla-del-tesoro

Estes días estou volvendo a ler (e xa perdín a conta das veces que fixen tal) “A illa do tesouro” de Robert Louis Stevenson. Lina ducias de veces ao longo da miña vida. De neno como libro nunha edición que andaba por casa. E tamén, na infancia, como banda deseñada. Máis tarde, en diferentes edicións de distintas editoriais, en versións adaptadas para pequenos, en formato eBook….Estes días volvín a este libro nunha luxosa edición de Libros del Zorro Rojo que me regalou hai uns días a miña amiga, que me coñece os gustos, a tamén escritora Beatriz Maceda Abeleira ( téndela tamén traducida ao galego por Xavier Alcalá en Xerais)

Esta é, sen dúbida, unha das lecturas da miña vida. Tanto é así, que os que lérades “Tes ata as 10” xa sabedes por que digo isto.

Agora, con esta nova edición, cada noite dende que empecei con esta enésima lectura, leo un para de capítulos e antes de apagar a luz, as derradeiras palabras antes de caer no sono sempre son as mesmas: que marabilla, eu quero escribir como este home.

E velaí a maxia da boa literatura: aínda que xa sei a historia, aínda que xa a coñezo, aínda que sei de sobra todo o que vai pasarlle a Jim e ao resto, non podo deixar de emocionarme en cada páxina, de abraiarme en cada novo capítulo diante da que é, sen dúbidas, a novela de piratas e aventuras máis grande que nunca se teña escrito.

Borges dicía que ler “A illa do tesouro” era unha das formas da felicidade. E tanto que o é.

 

Os comentarios están pechados.