Preferiría

Posted by franciscocastro - 01/03/16 at 03:03 p.m.

utopia

Preferiría que se me rompese un dedo á guitarra, que chovese todas as vacacións antes de perder a miña biblioteca, quedar sen unha perna que perder a memoria das cousas lindas que vivín contigo, con aquela, con aquel, con todos vós, que me negasen todos os beixos con tal de recibir os correctos, os que alimentan, os que me nutren e alimentarán ata que morra.

Preferiría un desgoberno anárquico que o goberno actual de mediocres, un ano enteiro sen ver o sol que as librerías pechando, que non me fales máis con tal de que non me falten agarimos e boa conversa cando cae a tarde, cando amence, tamén pola noite.

Preferiría días de sol, eterno abril, festa diaria, luz de lúa as 24 horas do día. Mais, como sei que é imposible, preferiría seguir soñando soños soñables, vivindo na utopía de poñer unha letra detrás doutra ata a victoria final de morrer entre uns brazos calorosos que agasallen precisamente iso: calor, sol, abril, festa, luz de lúa.

Todo iso preferiría.

Os comentarios están pechados.