Os 73 anos de George

Posted by franciscocastro - 25/02/16 at 11:02 a.m.


 

De hoxe vivir, George Harrison tería 73 anos. Finou con 58 e coa mesma discreción coa que vivíu. Ata a véspera estivo tocando a guitarra, consciente de que marchaba e que quería facelo sen estrépito e serenamente. Morreu como vivíu. Dando, tamén, unha derradeira lección de vida.

George sempre foi o meu beatle favorito. Todos os frikis dos de Liverpool temos un dos catro que nos tira máis, co que nos identificamos máis polo que sexa. Recoñecendo a xenialidade dos catro, sempre hai un que dicimos que é o noso.

E o meu, dende neno, sempre foi George.

Lémbrome escoitando o primeiro LP do que teño conciencia, A hard day’s night e imitando coa vasoira os punteos de George nese disco. Aínda o fago. Eu debo de ter sete anos cando empezo a facer iso e xa estaba enganchado para sempre. Logo, xa medrado, comprendín o difícil que tivo que ser para el sobrevivir rodeado deses dous egos brutais (co paso do tempo John e Paul recoñeceron que non sempre lle botaron unha man, que lle puñan problemas para aceptar as súas cancións nos discos, etc.) sen perder o riso. Calquera que coñeza superficialmente a música e a historia dos Beatles pensará que había por alí dous xenios, McCartney e Lennon, e dous músicos máis ou menos solventes, Ringo e George. Pero a nada que rañemos veremos que aquel beatle discreto que parecía que non contaba moito, en realidade, posuía, tamén sobre John e Paul, o máis importante que se poder ter dentro dun grupo: influencia.

Porque parte dos grandes cambios na música, e nas vidas, dos Beatles, foron cousa de George. Foi el quen meteu un sitar, aquel instrumento hindú que os outros non viran diante na vida, en Norwegian Wood, do álbum Rubber Soul, facéndolles ver así aos outros que todo se podía incorporar á música que facían. E, sobre todo, foi el quen os levou cara o camiño da meditación, quen os achegou a outras culturas distintas á occidental con outros valores diferentes. As cancións enchéronse dunha mística feliz e dunhas ideas novas e máis grandes. Todo o fenómeno do Flower Power non se pode entender sen o camiño que abriu George Harrison.

Se hoxe vivise, tería 73 anos. E moitos estariamos lembrándolle, con gozo, que a canción máis fermosa dos Beatles a compuxo el. Something.

Os frikis somos así e escribimos estas cousas. E botamos en falla a alguén que non coñecimos en persoa e que, nembargantes, é coma un irmán grande, xoven, vital e feliz, para sempre.

Os comentarios están pechados.