Se Rosalía de Castro vivise hoxe

Posted by franciscocastro - 24/02/16 at 03:02 p.m.

Refuxiados

Se hoxe Rosalía de Castro vivise, os seus poemas falarían das refuxiadas e refuxiados, abandonados por Europa á súa sorte, ou sexa, á morte segura. De estar entre nós, prendería o ordenador e dende a súa conta nas redes sociais inventaría un texto fermoso e duro e desgarrado que faría que se nos caese a cara de vergonza diante do noso comportamento insolidario, esquivo e hipócrita. Sentiriamos, logo de ler o que nos escribise, vergonza desta Europa que se di civilizada e cuna da democracia e dos dereitos humanos e non sei que e que gasta máis en policía para controlar as fronteiras que en coidar de toda esa xente que fuxe da guerra e que, non o esquezamos, ten dereito LEGAL a ser acollida aquí en canto que refuxiados. Porque non son inmigrantes. Son refuxiados de guerra.

Porque Rosalía falou dos desherdados, dos que non poden nin tomar a xustiza pola man, porque lla cortan, dos que teñen que emigrar deixando atrás terra, camposantos cheos de pais e nais mortos pola guerra, polo escándalo de ser pobres no medio de tantos ricos. Rosalía falou dos que están por debaixo dos que están por debaixo, entendendo, como eu creo que sempre debe ser, que a palabra, quen a ten, hai que compartila con quen non a ten. Nun intre no que aínda hai tantas e tantos convencidos de que a literatura ten que primeiro de todo, ou únicamente, entreter, ela escribiu, e hoxe escribiría, pensando en cambiar o mundo, en facelo mellor, en remover conciencias.

Hoxe,  no Día de Rosalía, reivindícoa como moderna, feminista, revolucionaria e libre.

Como deberíamos de ser todas e todos.

Os comentarios están pechados.