Os monicreques, Franco, Jiménez Losantos e Andrea Fabra

Posted by franciscocastro - 09/02/16 at 03:02 p.m.

PicMonkey Collage

Que ninguén se engane. O de meter en chirona aos monicrequeiros pola obra do outro día non é para protexer á infancia, ou porque cometeran un delicto (a zoca metérona os programadores que non sabían o que estaban incluíndo na programación infantil) ou polo dano que lle poidan causar ás vítimas. Por máis que agora a dereita, e boa parte da humanidade, estea dándolles na cabeza, linchándoos, aos actores, como nas obras máis tradicionais de monicreques, o certo é que se aplicamos a lóxica que está a escoitarse por aí, o PP (tamén Albert Rivera apoia a entrada en prisión dos actores) tería que pedir o encarceramento dalgún alcalde seu aínda en activo que de cando en vez fai homenaxes a Franco. Iso non é enaltecer o odio?, iso non é atacar ás vítimas? Ou cando os grupos ultras no fútbol erguen a bandeira co saúdo fascista non están incitando ao odio?, pechamos os campos de fútbol?, cando Losantos fala de tirotear aos políticos que non lles gusta, ou sexa, aos de Podemos, a Fiscalía non debería obrar de oficio? Cando Andrea Fabra dicía aquilo dirixido aos parados, “que se jodan”, non estaba facendo méritos para ser encarcerada?

Estas monicrecadas son para meternos o medo no corpo a todas e a todos. Para que saibamos que non se pode facer sátira de nada. Para podernos manexar e sermos monicreques seus. Para atacar a liberdade dos creadores.

Independentemente de que a obra, nun programa infantil, fose un completo disparate. Como disparate semella, segundo o que se le por aí, o auto do xuíz que, seica, esqueceu que estamos diante dunha obra de ficción representada nun horario inoportuno.

Os comentarios están pechados.