Pouco galego nos medios

Posted by franciscocastro - 08/02/16 at 03:02 p.m.

O tío Marcos d'A Portela

Onte cumpríronse 140 anos do nacemento do primeiro xornal en galego. Chamábase O tío Marcos d’A Portela e foi fundado por Valentín Lamas Carvajal e viu a luz en Ourense o 7 de febreiro de 1876. Unha data, xa que logo, para reivindicar, como levamos toda a vida facendo (e morrerei eu, e tantos, na mesma queixa) máis presenza da lingua galega nos medios de comunicación de Galicia. Que teñen a obriga. Xa non por cuestións de lóxica, morais ou de sentido común. Senón tamén porque cobran axudas da administración para fomentar o galego. Algo que fan, ás veces, con dubidosa credibilidade.

O certo é que na época da famosa e agora tan discutida Transición había moita máis presenza, en radios e xornais de papel, tamén na radio, da nosa lingua. Os primeiros anos oitenta do século pasado, nese senso, foron absolutamente exemplares.

A día de hoxe, a presenza do galego, en especial nos xornais escritos en papel, redúcese a artigos de Opinión e algo nas páxinas de Cultura (ou senón, como certo xornal adoita facer de cando en vez, para os Sucesos máis morbosos). Nunca en Economía, por exemplo. Ou nos Deportes (os xornais siguen “traducindo” ao castelán as declaracións dos pouquísimos futbolistas que se expresan en galego, convertindo así a lingua propia de Galicia en lingua estranxeira).

Case que século e medio máis tarde da aventura iniciada por Lamas Carvajal, seguimos anceiando un país que se exprese con naturalidade en todos os ámbitos. No ensino, na política, na economía, no deporte. E tamén, claro, nos medios de comunicación.

Os comentarios están pechados.