Tapar estatuas espidas e cubrir o pelo das mulleres para ter o seu petróleo e venderlles armas.

Posted by franciscocastro - 27/01/16 at 03:01 p.m.

museoitalia

Lemos con estupor estes días que en Roma tomouse a decisión de tapar as estatuas espidas para “non amolar ao presidente de Irán” durante a súa visita. Puxeron altos paneis brancos para que quedasen ocultas (vede a foto) e así “non ofender” a tan importante personaxe ao que, sen dúbida, non lle concederían tantas parvadas se non fose o dono dun país con moito petroleo, ese que fundamenta boa parte da nosa economía e que nós, raposos, queremos que nos venda. Por iso tapamos as estatuas. Como tamén por iso comerciamos con Arabia Saudí malia vulnerar case que todos os dereitos humanos, aforcar homosexuais e considerar á muller pouco menos que un animal decorativo (por certo, o ano pasado, o goberno español triplicou a venda de armas a este país que ten como réxime político unha terrible tiranía absolutista que executa, directamente, a quen pensa distinto). Ou con China, líderes mundiais en aplicación da pena de morte.

O asunto é un clásico. Temos visto a algunha raíña de España visitando eses países e tapar o pelo para que non se molesten estas persoas que consideran que todo o que teña que ver co corpo espido e, sobre todo, co corpo da muller, debe de ser agochado.

Hai tempo que Europa decepciona. Tamén por este tipo de accións que, dende logo, non son en absoluto inocentes ou pouco importantes. Somos a nosa historia, a nosa arte, o que fomos poñendo polas rúas, creando nas cidades. Somos a expresión dunha cultura que sempre adorou a beleza e perfección do corpo humano, obxecto do traballo dos artistas dende a Grecia clásica malia as imposicións relixiosas castrantes fríxidas e impotentes de tantos curas de toda clase. Pero, ademais disto, a moral, a decencia, o bo gusto, nada ten que ver coa desnudez. O inmoral é que as mulleres leven un burka. Ou que non teñan dereito ao voto. Estaría ben que o mesmo celo que se pon en agradar ao presidente de Irán se puxese en pedirlle a igualdade homes-mulleres no seu país. Por exemplo.

A min é que me ofende e amola que se faga calquera cousa por cartos.

Pero, en fin, non me fagades moito caso que eu son un infiel.

Os comentarios están pechados.