Fascismo europeo

Posted by franciscocastro - 26/01/16 at 03:01 p.m.

nazismo

Ás veces dou en pensar que o becho fascista que leva arrasando Europa dende hai case que un século, nunca vai desaparecer. Gustaríame trabucarme. Pero a realidade é teimuda e lémbrame que ten senso esta forma de tristura que hoxe me invade. Porque non hai mes que non vexamos un retroceso, un novo desafío bárbaro. E sempre, sempre, atopan unha escusa para xustificarse. Agora a escusa perfecta son os refuxiados, que en troques de ser recibidos cun plan de acollida lóxico e decente, aparcamos diante das fronteiras para ver se morren de frío. Pero digo que é unha escusa. Non nos trabuquemos.

Nos últimos anos vemos medrar os nazis en Francia, en Alemaña, en Inglaterra. E seica tamén en Dinamarca, que vota hoxe unha lei que permitirá confiscar os bens dos refuxiados. E pensabámolos moi decentes e avanzados. “Europeos”.

Xa digo, é unha escusa. Polo que sexa non somos quen de liberarnos dese becho da discriminación ao pobre, do odio ao diferente. Redactamos as declaracións de dereitos dos homes e inventamos a democracia. Pero agora falamos de poñer barreiras ás persoas ou de levalos identificados cunha pulseira!, como acaban de aprobar en Cardiff, a capital de Gales, unha cidade que visitei mil veces por motivos laborais do pasado e que tanto e tanto quero…

Cando sairá o sol en Europa. Cando.

Os comentarios están pechados.