Menos mal que temos os blogues e as redes

Posted by franciscocastro - 20/01/16 at 03:01 p.m.

Blog

Grazas a unha interesante iniciativa do xornalista e activista Xabier Pérez Iglesias, dende hai unhas semanas estamos facendo reconto do estado de saúde do blogomillo, é dicir, da relación de blogues en galego. O meu, A CANCIÓN DO NÁUFRAGO principiou a súa andaina en setembro de 2003 e sigue e con vocación de seguir. 13 anos escribindo case que a diario. Un mundo de palabras, de artigos, de poemas, de reflexións lanzadas ao baleiro cibernético á procura doutras persoas coas que comunicarme.

Eu solteime na rede cando comezaba esa revolución, xa non só tecnolóxica senón comunicativa, que permitía unha certa (e inaudita) democratización da palabra. Porque coa irrupción e a popularización dos blogues xa era moi difícil silenciar algunhas voces. Artigos que nunca sairían na prensa tradicional, informacións que se mantiñan silenciadas, atopaban, e dun xeito gratuíto, acubillo  na rede para poder chegar a todas partes e, ademais, permitindo a interacción coas lectoras e os lectores que, á súa vez, podían multiplicar esas voces alternativas case que ata o infinito. Insisto: unha revolución. No caso concreto da lingua galega, a súa forza e actividade dende a rede foi brutal dende o primeiro minuto, atopando nos blogues un espazo feliz no que poder estoupar en creatividade. E o que dixen antes da información en xeral aplícase agora ao asunto lingüístico. Ao mesmo tempo que na prensa tradicional ía reducíndose a presenza do galego, a lingua de nós medraba na rede en espazos e usuarias e usuarios.

Logo viñeron completar este cambio de paradigma a irrupción das redes sociais. Os blogues, coma o meu e coma millóns no mundo, están aí. En facebook, twitter, google +… Aí coméntase, interactúase, fálase, páctanse iniciativas, protéstase, espállase o coñecemento. Dende o móbil, dende a tablet, dende o computador, dende onde sexa e ao momento.

Sempre o digo: a aparición da Rede e todo o que trouxo é unha revolución comparable ao nacemento da imprenta no seu día. Unha das mellores cousas que nos pasou. E nada dos cambios sociais que están a darse en todo o mundo, en especial no que se refire á política, coa horizontalización da mesma, pode entenderse sen os blogues, e as redes. Mais, sobre todo, sen o traballo dunhas usuarias e usuarios que teñen algo que dicir e moita, moitísima xente, disposta a escoitar.

Os comentarios están pechados.