EU CONDENO A EUROPA

Posted by franciscocastro - 15/01/16 at 03:01 p.m.

Refuxiados

Condeno a Europa, que permite que milleiros e milleiros de refuxiados continúen atascados diante das fronteiras preparándose para morrer de frío.

Condeno a Europa, que malia saber dende hai máis de un ano que chega xente a xente aquí, ollo, non de turismo, senón fuxindo da guerra, do terrorismo, da violencia, da morte, prefire gastar millóns e millóns de euros en reprimilos, tratándoos coma gando, esquecendo que son persoas dignas e con todo o dereito do mundo a se refuxiar nos nosos países, que para axudalos a vivir con decencia.

Condeno a Europa, que organizou reunións, xuntanzas, convencións, comisións, de políticos e secretarios e asesores e xente e xente e xente, gastando millóns de euros para ver como afrontar a “crise dos refuxiados” para, finalmente, non resolver nada.

Condeno a Europa, que asina convencións de Dereitos Humanos, que gasta pasta en publicidade falando de Irmandade e non sei que, e permite esta desgraza humanitaria.

Condeno a Europa. Por hipócrita e inhumana.

Os comentarios están pechados.