Un novo ataque ás escritoras e escritores.

Posted by franciscocastro - 14/01/16 at 03:01 p.m.

Escritor

Hai uns cantos meses, CEDRO, a entidade de xestión dos dereitos reprográficos aos que moitas e moitos escritores estamos asociados e que vela polos nosos dereitos económicos como creadores, informounos de que, coa nova reforma das pensións de 2013, cando nos xubilemos ía ser incompatible cobrar unha pensión se, ademais, decidiamos cobrar os dereitos de autor. Como soa. Malia seguir vendéndose os nosos libros cando nos xubilemos (é o noso dereito xubilarnos), como optemos por cobrar eses cartos (ou como cometamos a imprudencia de gañar un premio con dotación económica), o estado ou nos negará o cobro da pensión ou nos multará, como xa fixo (por iso estes días se fala tanto deste asunto), con Caballero Bonald, Antonio Gamoneda ou Eduardo Mendoza, entre outros.

Segundo a Seguridade Social, tamén como soa, aquelas escritoras e escritores que cobren unha pensión de xubilación e ademais os seus dereitos de autor (froito do seu traballo como creadores) están “estafando” ao erario público e, segundo informa a prensa, hai consigna diante dos inspectores de non perdoar e de sancionar. A única opción que o estado ofrece cando un se xubila, é o silenzo. Deixe vostede de escribir. Deixe vostede de crear. Deixe vostede de xerar dereitos de autor.

Sabemos que desprezan a cultura e aos creadores.

Nesa liña hai que entender o disparate de dicirlles que calen para sempre, que deixen de darlle a tecla, de dar conferencias, de impartir seminarios.

Que vergonza.

(quen queira profundar no asunto, que clique aquí)

Os comentarios están pechados.