Unha igrexa atrasada, medieval, machista e perigosa

Posted by franciscocastro - 05/01/16 at 03:01 p.m.

PicMonkey Collage

A igrexa, malia o traballo de mercadotecnia do meu tocaio Francisco, leva 1000 anos de retraso e é aínda medieval. Por moitos motivos nos que non vou entrar agora, como que sigan discriminando á muller por lei, por exemplo. Pero xa digo que aí non vou entrar. É unha igrexa medieval porque leva, como digo, 1000 anos de retraso. Polo que di. Por como o di. E por non tirarlle das orellas aos seus (ir)responsables dirixentes logo de determinadas declaracións públicas.

Sen ir máis lonxe, hoxe, dous altos cargos desta institución largan uns “avisos” á sociedade civil máis propios da época medieval que do século XXI.

Por unha banda, Rouco Varela, xa xubilado pero que sigue dando conferencias por aí, e que, en plan “padriño” dunha organización, digamos, turbia (por ser elegante), avisa de que como a igrexa sexa obrigada a pagar o IBI como están a manter determinados partidos (imposto que paga tododeus agás eles polo famoso Concordato coa Santa Sede que ninguén se atreveu nunca a derogar e que lles concede, como na época medieval, un lote de privilexios así, ou sexa, medieivais), pois que daquela se lle quitarán os fondos a Cáritas. É un aviso en toda regra en plan: vós veredes. Como nos quitedes os cartos obrigándonos a pagar coma os demais, os máis pobres, os que están no inferno, eses que Cáritas (coma outras moitas organizacións) atenden, serán quen o pague. Un aviso en toda regra dun señor feudal dunha organización feudal.

Por outra banda, o arcebispo de Toledo, personaxe que, polo xeral, cando fala fai que soba o pan, publicou un texto pastoral (é dicir, para que os e as fieis tomen como doutrina) no que relaciona a violencia machista co feito de que as mulleres pidan o divorcio. Xa se sabe, as culpables de que as maten son elas. Braulio Rodríguez, que así se chama este señor, relaciona os asasinatos de mulleres a mans das súas exparellas co feito de que hoxe en día “non hai verdadeiro matrimonio”. Tamén fala de que hai que deixar as “zarandajas” (o rollo ese) da violencia de xénero. En resumo: que non hai violencia machista nin terrorismo machista nin nada. Se as mulleres non quixesen separarse non pasaba nada.

Mentres a igrexa católica non aprenda a lle tirar en público aos seus responsables cando din tantas parvadas, ninguén vai crerse o da modernización da que falan algúns que o actual papa de Roma está levando a cabo.

Aínda que igual non lles reprenden porque, no fodo, é o pensamento actual da igrexa. Cando menos, da española.

Os comentarios están pechados.