Os políticos deberían imitar a Alicia

Posted by franciscocastro - 23/12/15 at 03:12 p.m.

alicia-pais-maravillas

Cando empezo os meus Obradoiros Literarios ás veces dáseme por definir a literatura como “o País das Marabillas”. Quero dicir que no mundo real, as cousas son inevitablemente como teñen que ser. Os obxectos caen ao chan, por exemplo. E ninguén ten dúas cabezas, por poñer outro. Mais no País das Marabillas, ou sexa, na Literatura, calquera cousa é posible, con tal de que estea ben contada.

Por iso teño dito tamén por aí que escribir é un acto político, porque o escritor ou a escritora, no básico, dedícase a imaxinar outros mundos. Dalgunha maneira aos que a isto nos dedicamos, o mundo real non nos chega, ou non nos gusta (por iso, polo xeral, a xente da escrita adoita militar en actitudes de reivindicación) e, polo tanto, andamos a inventar outros, que é, dalgunha maneira, un xeito de mellorar este.

Cúmprense agora 150 anos de ‘Alicia no país das marabillas’.

Neste contexto novo no que estamos, con partidos obrigados a pactar, cavernícolas preocupados polos ascensos do que eles consideran “radicais”, e ausencia de reflexión crítica dos que perderon con estrépito, non está para nada mal, creo, pedirlle aos que aspiran a gobernarnos, ou a que lles votemos, que imiten a Alicia e sexan quen de imaxinar escenarios novos, marabillosos. Porque, polo de agora, semella que todos os esforzos, tanto dos que gañaron como dos que non sacaron un can, é que todo quede como estaba antes.

Os comentarios están pechados.