Pido o Día das Letras Galegas 2017 para Andrés do Barro

Posted by franciscocastro - 22/12/15 at 11:12 a.m.

Andrés_do_Barro_-_Corpiño_xeitoso

Hoxe en Twitter é Trending Topic o poeta romántico español Gustavo Adolfo Bécquer. Fixéronmo ler en 2º de BUP cando estaba namoradiño de María e ela, incriblemente (activen o modo retranca, por favor) de min non o estaba. Aquelas rimas algo me axudaron a levar a dor. Pero non foi unha lectura trascendental, dende logo. Moito máis importante nos parecía por aqueles tempos que a súa cara estivese nos billetes de 100 pesetas (antes eran escritores coma Bécquer, Rosalía de Castro, Galdós, os que ocupaban o protagonismo nos billetes. Hoxe xa non…).

Bécquer é TT porque tal día coma hoxe, pero de 1870, morría e, daquela, toca falar moito del.

Sen embargo, eu quero traer hoxe aquí ao cantante e compositor galego Andrés do Barro, que finou, tamén, un 22 de decembro de 1989, aos 42 anos en Madrid. A historia é coñecida: conseguiu estar entre os máis vendidos no conxunto do Estado, incluso de número un nas listas de éxito de toda España, cantando en galego. Hoxe semella inimaxinable que algo así poida suceder. Pois sucedeu, si. E no franquismo, ademais.

Eu quero sumarme ás peticións, a cada día máis numerosas, que reclaman o Día das Letras Galegas para Andrés do Barro. O ano 2017 (o que vén é para Manuel María) pode ser un ano máis que perfecto, pois de estar vivo cumpriría 70 anos. Un cantante galego, autor de temas (coa axuda nas letras do mestre Xavier Alcalá) que escoitamos algúns na infancia pero que son a memoria emocional de milleiros de galegas e galegos que o escoitaron na súa mocidade. Un músico, un home que coa súa guitarra e a súa valentía, tocou e cantou en galego con toda a dignidade, fachenda e calidade do mundo.

(Lémbrome a min mesmo, no meu cuarto da casa familiar, cos singles de vinilo de meu irmán. “Corpiño xeitoso”, “Rapaciña”, “O tren”, “Saudade”. E outros. Tiña catro anos cando saíron e chegaron á miña casa. Durante moitos anos soaron no xiradiscos BELTER aquel que tiñamos).

Moitas veces se lle ten criticado á Real Academia Galega a escolla de persoeiros, para a celebración grande das nosas letras, moi afastados da xente. Escritores que non lles din nada. Evidentemente, os e as académicas ás veces acertan e ás veces non. Pero a súa decisión non é pouca cousa porque apostar por unha figura que non empatice, en especial coa mocidade (xa habería que cuestionarse incluso por que ten que ser sempre unha persoa morta), axuda a afastar máis o galego e todo o que ten que ver coa lingua, das persoas das que dicimos tan alegremente que son o futuro do idioma.

Creo que a Academia ten que ter a valentía de dedicarlle o Día das Letras Galegas a alguén que non foi un literato, que non foi un ensaísta ou un polígrafo, pero que fixo máis polo galego, pola súa dignificación, pola súa vida, que o que faremos a meirande parte dos que no galego estamos a diario. Un cantante. Coma Sés hoxe en día. Coma Berrogüetto no seu día, músicos de nós. Coma tantas e coma tantos.

Eu pido o Día das Letras Galegas 2017 para Andrés do Barro.

Os comentarios están pechados.