Homes que deciden “polo ben” das mulleres (Albert Rivera non entende nada)

Posted by franciscocastro - 16/12/15 at 03:12 p.m.

matrimonio

Hoxe, a prensa informa de que o goberno de Marrocos, con quen España ten, segundo di o presidente, “excelentes relacións”, decidiu prolongar durante cinco anos máis o matrimonio con nenas “polo ben das rapazas”. Nese país, o 12 por cento dos matrimonios están protagonizadas por un adulto e unha nena menor de idade (sei que é redundante dicir “nena” e “menor de idade”, pero imaxino que así se entende mellor o escándalo). Sabendo isto, igual había que obrigar aos países que nos chamamos “civilizados” a non manter relacións con gobernos que vulneran con descaro os dereitos humanos. Porque iso é unha violación dun dereito (unha menor non está capacitada para “querer casar”) e, ademais, unha maneira de expoñelas á violencia pois no fondo son tratadas coma mercadorías, é dicir, coma obxectos propiedade dun home.

No franquismo, como en moitos países do mundo (e aquí así sería se gobernasen algúns xurásicos que andan por aí) as mulleres vivían privadas dos seus dereitos máis básicos e o que xustificaba algúns costumes (non poder abrir unha conta sen o permiso do marido, do pai ou dun irmán varón, non poder asinar un contrato laboral, ter que pedir permiso ao marido para case que todo) era unha profunda crenza ao respecto da inferioridade da muller e, consecuentemente, a necesidade de que a súa vontade estivese pregada á obediencia a un home, “polo seu ben”, xa que non sabían conducirse no mundo. Porque, xa se sabe, os homes razoan mentres que as mulleres teñen “intuición” (non razón). Isto, hoxe aínda non superado (non o dos dereitos, que tamén, senón esa crenza sobre a inferioridade das mulleres), serve para explicar o constante feminicidio que sobre elas acomete, dun xeito destrutivo, a cultura machocéntrica e agresiva que se coa, coma o aire nos pulmóns, por todas partes.

Iso, ao tempo que algúns candidatos teiman en negar que ás mulleres se lles mata precisamente por iso, por ser mulleres, por pretender ser mulleres e ser ceibas. Por iso é feminicidio e non “violencia intrafamiliar” a pesar do que di Albert Rivera, que non se entera. Só por iso, ninguén, tampouco os homes, deberían votarlle a Ciudadanos.

Saia o goberno que saia debería poñerse como un dos seus obxectivos crear un mundo onde as mulleres decidan sobre elas, en especial sobre o seu corpo e liberdade, e non os homes. Porque son homes os que deciden en Marrocos, son homes os que lexislan en boa parte dos países do mundo (cos que tamén comerciamos como se tal cousa e nos damos biquiños nas visitas mútuas), son os bispos, homes tamén, os que lles obrigan a seguir adiante cun embarazo ás mulleres que non queren continuar xestando. Etc.

Quero un futuro onde ninguén decida por elas.

Mellor dito: quero un mundo onde elas decidan por elas.

Os comentarios están pechados.