Un debate?

Posted by franciscocastro - 15/12/15 at 03:12 p.m.

Debate

Cando era profesor de Filosofía, asunto que ocupou 18 anos da miña vida (ten que haber un par de xeracións transtornadas profundamente pola miña culpa), unha das cousas que máis agradaba ás e os estudantes, era que fixeramos “un debate” (a moitos deles porque así non tiñan que aturarme a min falando de Nietzsche, por exemplo). Cada ano, sen excepción, levábame un par de horiñas, pero sempre o conseguía, que para debatir é necesario ter presente algunhas cousas innegociables: respectar a quenda de palabra, ou sexa, falas cando che toca, que non por berrar ou falar con máis vehemencia levas razón, que poñer exemplos nunca confirman a túa teoría, e, o máis importante de todo, que debatir significa usar argumentos, razóns, reflexións lóxicas, usar deduccións, manexar datos concretos que permitan contrastar o que mantés, que nunca hai que largar falacias, atacando á persoa, e que só vale atacar argumentos, etc.

Xa que logo, entendían que un debate era un contraste de ideas, de visións do mundo. Un asunto ideolóxico, en definitiva. E que había que esforzarse en argumentar mellor.

Daquela, que alguén me explique se o de onte (ou o da semana pasada) foi un debate.

Igual é que eu lles aprendía mal aos pobriños que caeron nas miñas aulas…

Os comentarios están pechados.