No Día dos Dereitos Humanos

Posted by franciscocastro - 10/12/15 at 03:12 p.m.

Dereitos Humanos

Hoxe celébrase o Día dos Dereitos Humanos e cómpre que lembremos que, no básico, non se garantizan en ningunha parte do mundo. Tampouco no estado español.

O dereito á educación, que é un dereito humano, non está garantido cando hai quen non pode seguir cos seus estudos universitarios porque non ten bolsas de axuda. Se es rico si que podes. As mellores Escolas están abertas para ti. Ao tempo, imos recortándolle ao ensino público.

O dereito á sanidade gratuíta, que é un dereito humano, non está garantido cando hai copago, servizos básicos para enfermidades crónicas que hai que costearse, vacinas que non se dispensan agás a quen poida pagalas, listas de espera que te matan a non ser que teñas pasta para operarte pola privada.

O dereito á vivenda digna, que é un dereito humano, non está garantido. Á xente non se lle rescata. Aos bancos si.

O dereito a un traballo, que é un dereito humano, non está garantido. A un traballo e a un traballo digno, onde un poida desenvolverse como persoa e ser remunerado dignamente e con seguridade. As reformas laborais, pensadas para someter á clase traballadora, para precarizala, para meterlle o medo ao paro, encargáronse ben de o facer.

O dereito a ser donas do propio corpo, as mulleres,  non está garantido ao complicárselle ata o infinito a interrupción voluntaria do embarazo. Que outros, nomeadamente homes, lexislen por elas, é unha aberración antidemocrática.

O dereito á igualdade e á liberdade de todas as persoas, que é un dereito humano, non está garantido pois hai trata de mulleres, redes de escravitude sexual que non se desmantelan, en moitos casos, por falta de medios. Recortados. Ou o que é o mesmo: por falta de interese.

O dereito á vida, en especial se es muller, pois non hai unha rede de apoio económico para que unha muller agredida poida marchar lonxe do agresor para facer a súa vida en seguridade.

Hoxe, no Día dos Dereitos Humanos, lembramos que no século XVIII, hai ben de tempo, se soñou esa lexislación universal para facer un mundo mellor. E lembramos, tanto tempo despois, que estamos moi lonxe de conseguilo. De feito, a cada día que pasa, máis e máis lonxe.

Os comentarios están pechados.