Aprendendo de Castelao 1

Posted by franciscocastro - 03/12/15 at 03:12 p.m.

Castelao1

Na Editorial Galaxia estamos moi contentos estes días polas novas edicións que dedicamos aos debuxos de Castelao, que foi un xenio en moitas cousas, e, tamén, nesa forma de humor gráfico intelixente que, ademais de sacarnos un sorriso, ás veces amargo, tamén nos fai pensar.

Onte dediquei parte da noite ao volume dedicado aos Nenos e sacudiume o corazón esta imaxe que aquí vos deixo e que nos vale para explicar perfectamente que é o que hoxe nos pasa no mundo. Temos uns pícaros asomados á fiestra dun restaurante. Un deles pregúntalle ao outro que está mirando. E o outro cativo responde algo brutal: “como comen”.

Os neonazis e demais ultras de pensamento simple (e contaminado) coidan que os que fuxen da fame, os que escapan da miseria, en realidade, o que queren é “invadirnos”, “roubarnos o noso xeito de vida” e todas esas paridas nacidas da burremia ou da maldade. Sen embargo, a cousa é moito máis simple: os do primeiro mundo vivimos coma Deus nun sistema produtivo alicerzado no abuso do terceiro mundo. Como lle digo sempre á cativada dos coles e institutos cando os visito, “investigade onde están fabricadas case que todas as cousas que tendes pola casa. Non en países pobres, senón nos empobrecidos por nós”.

Temos que construir un mundo onde ninguén teña que sentarse a mirar como comemos os demais. Porque hai para todos. Claro que hai para todos.

Os comentarios están pechados.