Todo é verdade. Incluso o que soñei

Posted by franciscocastro - 30/11/15 at 03:11 p.m.

mark-twain

Hoxe no seu twitter, Agustín Fernández Paz lembraba que tal día coma hoxe, do ano 1835 naceu Mark Twain. Cando o lin, lembreime dunha cita que Fina Casalderrey usuou no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, deste autor, que era algo así como, “Todo é real, incluso o que soñei”. A autora botou man da frase para sinalar que o material da nosa memoria é aquilo que vivimos, mais tamén aquilo que anceiamos, o que imaxinamos, o que proxectabamos para o noso futuro. En definitiva, os nosos soños.

Sempre digo que ser escritor é un dos oficios mellores do mundo. O material co que traballamos é todo o que se nos pasa pola cabeza. Os nosos soños tamén, que son reais. Eu non sei distinguir entre uns e outros. Eu, a pesar de Descartes que atopou como facelo, e inventou así a Modernidade, prefiro confundilo todo, e poñelo todo en palabras. Os feitos do día a día, claro, na inmediatez das redes e nos artigos da prensa, mais tamén as realidades que viven dentro da miña cabeza e que conto en novelas, en poemas, ou o que invento para a miña filla cando quere escoitar unha historia inventada por min antes de ir durmir e que rematan sendo contos fugaces que desaparecen en canto apagamos a luz.

Todo é verdade. Incluso os soños.

Postos en palabras, vén sendo a literatura.

E eu, son un tipo con sorte por podelo facer.

Os comentarios están pechados.