Xosé Neira Vilas: obreiro da palabra

Posted by franciscocastro - 27/11/15 at 03:11 p.m.

neira_vilas-e-anisia-miranda

A primeiros de ano acompañabamos a Xosé Neira Vilas cando recibiu da Xunta de Galicia o Premio da Cultura Galega. Ese mesmo día tamén o recibían, noutras disciplinas, outras persoas e institucións, todos eles importantísimos. A todas escoitamos respectuosamente e aplaudimos. Mais só Xosé Neira Vilas conseguiu poñer en pé ao auditorio da Cidade da Cultura nunha ovación longa e emocionante. Definiuse durante o seu discurso, aquel día, como un “obreiro da palabra”. Sinalou, con esa humildade que só teñen os grandes, que o seu non tiña mérito ningún, que el limitábase a contar historias e que, se por algo quería ser lembrado, gustaríalle que fose por ter contribuído unha miga a darlle pulo á literatura infantil e xuvenil galega.

O autor de “Memorias dun neno labrego”, libro traducido a ducias de idiomas e do que se levan vendidos 600.000 exemplares, falou aquel día, sempre sorrindo, sempre aferrollado ao caxato que lle axudaba, ergueito e afouto, como se o seu fose algo doado de facer, cando, en realidade, no mundo literario sacamos todos peito ridiculamente en canto temos o máis mínimo e discreto éxito.

Cando as amigas e amigos de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) cometeron a imprudencia de nomearme presidente (cargo que ostentei dende 2010 a 2014), a primeira chamada de felicitación que recibín foi a de Neira Vilas. E cando decidimos crear a figura de Socio de Honra (que nuns días recibirá Helena Villar Janeiro nun acto no que María Solar realizará a Laudatio) foi a el en quen pensamos en primeiro lugar homenaxear. A amiga e escritora Concha Blanco chamouno en  nome da directiva para darlle a noticia. Recibiu a nova como se o chamasen para lle dar o Nobel. E o día en que fixemos o acto, na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, coido que a súa meirande ledicia foi ver que estaba o auditorio cheo de rapazada dos institutos da cidade herculina.

En Galaxia soábanos o teléfono todas as semanas. “Ola Castro, son Pepe!”. O resto das compañeiras e compañeiros da editorial saben ben como nos chamaba decote e aparecía con novos proxectos, ideas para obras, como se apuntaba ao que fose, para presentar libros, para dar conferencias, para visitar centros…era incombustible.

Dende hoxe acompaña a Anisia Miranda, a súa compañeira amada, nun lugar privilexiado da nosa memoria. Mirade esa foto. Que guapos estaban.

Os comentarios están pechados.