Os mortos de ETA e as mulleres mortas

Posted by franciscocastro - 26/11/15 at 03:11 p.m.

stop

Sempre odiei as matemáticas e un dos meus mellores recordos é de COU, do día que fixen o derradeiro exame da asignatura e entendín que máis nunca ía ter que facer unha derivada, unha integral, unha gráfica. Mais ás veces as matemáticas, as enquisas, os datos numéricos, son necesarios para entender a realidade, aínda que sexan odiosos.

O dato, os díxitos, os números, véñenme pola excelente poeta valenciá Begonya Pozo, quen hoxe no seu perfil de facebook lembrábanos que dende 1968, ETA asasinou 829 persoas. Un mundo de xente. Pero vexamos outros datos numéricos e comparamos. Dende 2003, 800 mulleres foron asasinadas por homes (parellas ou exparellas). Moitísimas máis en proporción.

Durante anos, as enquisas (máis matemáticas) do CIS sinalaban o terrorismo de ETA como o problema que máis preocupaba aos españois. Sen embargo, nos anos máis duros de ETA, as mulleres eran, coma hoxe, duramente asasinadas mais ninguén o vía como un problema preocupante.

Durante anos nas televisións, nas revistas sesudas de análise, nas tertulias das radios, no discurso de Nadal do Rei, no parlamento, nas rúas, nos colexios, en todas partes, do que se falaba, era de ETA e de como acabar con ela. Mais non lembro pasarme a adolescencia nin os anos da universidade escoitando ou lendo sobre esta cuestión. Os políticos, do PSOE, do PP, todas e todos, celebraron a “derrota de ETA” e correron a apuntarse o éxito. Por que? Porque se consideraba un problema de estado, unha cuestión intolerable, que unha organización terrorista golpease con tal violencia a un grupo de persoas, algo que no século XXI non podía ser. Sen embargo, o terrorismo machista, o feminicidio, non foi nunca considerado un inimigo a derrotar. Que pasa?, seica é que se considera normal? Ou, como algún estúpido columnista ten escrito recentemente nun xornal de Madrid, porque é un problema sen solución?

Obviamente, comparar mortos é un exercicio difícil. Como as matemáticas.

Pero case que nunca as matemáticas se trabucan.

No caso desta operación aritmética de fracaso social o resultado chámase Hipocrisía Elevada Ao Infinito.

Os comentarios están pechados.