Ser home e ser feminista. Falar de feminicidio. Falar.

Posted by franciscocastro - 25/11/15 at 03:11 p.m.

Violencia

Hoxe é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un día, xa que logo, para facer visible esta traxedia colectiva e para lembrar unhas cantas obviedades que, de tan obvias, non habería nin que ter que lembrar.

Como é o feito de que as mulleres non morren. As mulleres son asasinadas. Pidámoslle aos medios de comunicación que falen en propiedade. Hai mil millóns de titulares de xornais que falan de mulleres que morren por un disparo, por exemplo, ou porque caen dun cuarto piso. Deben titular ben. Por exemplo: Home dispara á súa muller…. As cousas hai que dicilas como son. Contalo mal é facerlle o xogo, precisamente, á violencia.

Isto é unha obviedade.

E hai que dicir e lembrar que dende 2003 máis de 800  mulleres foron asasinadas polo terrorismo  machista. Hai que pronunciar estas palabras e facelo sen medo. Porque é terrorismo machista. Porque é violencia de xénero. Porque é feminicidio. Están  mortas por ser mulleres. É así. Recoñezámola e medraremos como sociedade.

Isto é outra obviedade.

Día perfecto, pois, para lembrarlle a todos os homes que hai dicir en alto que son feminista. E que a cuestión da igualdade, como a erradicación da violencia machista non é cousa das mulleres. É un problema social que temos que solucionar entre todas e entre todos. Cada semana que vou a un colexio, a un instituto, dígollo: son home e son feminista. E, podedes crerme, hai moitos que me miran raro.

Hoxe é o día para lembrar que nin unha soa máis.

E que non quede no esquecemento o resto do ano, por favor.

Os comentarios están pechados.