Que lean para ser felices

Posted by franciscocastro - 18/11/15 at 03:11 p.m.

Ler

Esta é a conclusión do A FONDO que Sermos Galiza dedicou á Promoción da Lectura e que eu coordinei.

Escribín isto:

Promover a lectura e os libros facéndolle caso a Borges, que dixo dúas verdades coma puños: 1. que o paraíso, de existir, debe de ser unha biblioteca; 2. e que ler é unha das formas da felicidade.
Ler só produce beneficios. Non ten absolutamente ningunha clase de contraindicación. Nin sequera a nivel ocular. A presbicia ou a miopía non son causados polas letras en papel ou na pantalla.
Agora ben, para que cheguemos a apreciar esta forma da felicidade, como dixo o autor de “El Aleph”, é necesaria a figura do mediador, esa persoa que, dende Educación Infantil ata o remate do Ensino Obrigatorio, nos leva da man (“educar” significa “levar da man”) ata a biblioteca, ata a librería, ata os andeis da casa, que deben de estar máis nutridos de libros que de videoxogos, xa que estamos. Mediadores que botarán man das ferramentas que sexa mester usar: os obradoiros, os contacontos, os clubes de lectura, e, por suposto, as clases na escola, as de literatura e as outras.
A lectura debería de ser un asunto transversal.
E dicimos mestres e mestras e dicimos, sobre todo, familia. Ler é un hábito feliz e resulta crucial ter alguén preto que nos transmita o amor pola lectura, para que ese pracer se converta nun hábito instalado para sempre dentro de nós ata a fin dos nosos días amén. Pais e nais, profesoras e profesores son o primeiro elo. Pero non son os únicos, abofé. No fondo, igual que dicimos que conseguir un mundo en igualdade non é cousa só das mulleres, senón do conxunto da sociedade, isto é igual. Que os libros e a lectura gocen do prestixio que merecen é cousa de todos. Non só dunha Consellería infra-orzamentada. De todas e de todos.
As enquisas din que a metade dos galegos non merca libros nunca, que só un terzo le a diario e que o 35 por cento non le nunca na vida.
Se a sociedade enteira entendese que estes datos son unha traxedia, quizais se darían os pasos para cambiar unha situación a todas luces indesexable.
E así, Borges dixit, igual seriamos máis felices.

Os comentarios están pechados.