Sobre secesión e feminicidio

Posted by franciscocastro - 11/11/15 at 03:11 p.m.

Feminicidio

Deprime ver a tantas cabeceiras de periódicos, a tantos articulistas, a tantos comentaristas, a tantos políticos, a tantos analistas, a tanta xente no bar, a tantas persoas pola rúa, a tantos e a tantas falar con intensidade, enerxía, vehemencia, desesperación, incluso, da necesidade de ser “fortes” diante do “desafío soberanista”. Hoxe algún xornal fala de mobilizar á policía. E algunha tele e xornal dereitón chama pouco menos que á intervención e Poñer As Cousas No Seu Sitio.

Non hai outro tema. Meten tanta bulla, tanto ruído, tanta bile, que semella que é o asunto máis importante do que nos debemos ocupar e preocupar.

Mágoa que esa intensidade, enerxía, vehemencia, desesperación, non de sinta cando falamos, por exemplo, de feminicidio. Practicamente unha muller asasinada (que non morta) por violencia machista cada dous días.

Aínda non vin á prensa titular en grandes catro columnas para dicir que isto é unha traxedia. Aínda non vin páxinas e páxinas e programas e programas e horas e horas de debate público sobre este asunto que SI que é un problema social. Non é un problema das mulleres. É un problema social.

Igual é que non o consideran un problema tan grande como que os cataláns decidan libremente con quen queren vivir.

Os comentarios están pechados.