Unha rúa para Carlos Oroza. Non era sen tempo!

Posted by franciscocastro - 06/11/15 at 03:11 p.m.

Retrato de Carlos Oroza

O pasado luns, o pleno do Concello de Vigo aprobou, e non era sen tempo, que o que ata o de agora era a Travesía de Príncipe que une a máis famosa rúa de Vigo con Policarpo Sanz, lugar de paso obrigado para todos os que aquí vivimos (por algo Príncipe é a segunda zona comercial máis potente economicamente de España logo da rúa Serrano de Madrid), vai levar o nome do poeta Carlos Oroza.

Hai ben de tempo que levo dicindo que algo así había que facelo e facelo xa. E con rapidez. Carlos Oroza é un dos poetas en castelán máis importantes dende hai décadas. E, a pesar de ter nacido en Viveiro, afincou en Vigo (logo de queimar Madrid e o Café Gijón coa súa poesía libre libertaria libérrima liberadora), e aquí quedou para sempre. Agora non pasea respirando a alma da cidade, como durante décadas tivemos a sorte de ver que facía. Parándose con todos. Atendendo a todos sempre cun sorriso.

Os que tivemos a sorte algunha vez de estar con el, de falar con el, de acompañalo en seráns e noites de palabras, versos e risas, temos un motivo mías, para estar contentos de ter coñecido, e compartido sentimentos e vida, con este Poeta inmenso.

Agora só espero que o Alcalde e a Corporación Municipal organicen un acto á altura do escritor.

Os comentarios están pechados.