CIUDADANOS que non son CIDADÁNS

Posted by franciscocastro - 30/10/15 at 03:10 p.m.

Albert Rivera

Hai un par de semanas, a xente de Galicia Bilingüe, eses tolerantes, déronme caña, e moita, no twitter por eu defender, excéntrico que son, que o ensino en Galicia ten que ser en galego. Nunca recibira máis insultos. Só hai moitos anos cando escribín un artigo contra o Opus Dei. Chamáronme de todo. Desta volta moito máis.

En fin.

Lembro isto aquí porque hoxe recibimos a boa nova de que a iniciativa da concelleira de Ciudadanos en Ferrol, para que o galego deixase de ser a lingua oficial do Concello, saíu derrotada por 24 votos en contra (votaron xuntos PP-BNG-MAREAS-PSOE) e só 1 (o seu), a favor. A norma estaba en vigor dende hai 20 anos e, mirade que cousa, foi aprobada polo PP no seu día. Neste asunto, por exemplo, pásanlle á dereita de toda a vida… pola mesma dereita.

Coma sempre, falou de “liberdade” e de “dereitos”, usando esa terminoloxía que dá a entender a falacia de GB e outros que se suman ao delirio: o castelán está perseguido en Galicia, os castelán falantes non teñen dereitos porque llos quitamos os que falamos en Galicia e queremos galego en Galicia (o excéntrico sería querer búlgaro). E piden, por exemplo, que se poida ser funcionario en Galicia sen coñecer o galego. Algo difícil de xustificar. Porque imaxino que para ser funcionario en Inglaterra haberá que saber inglés.

Alégrome, moito, de que os CIDADÁNS lle parasen os pés a estes CIUDADANOS que non entenden que, se hai unha lingua marxinada, perseguida, á que, polo tanto, hai que apoiar e defender, esa, é o galego. O castelán, por sorte para ese idioma, en Galicia vai sobrado.

Os comentarios están pechados.