Dicide Samaín, non Halloween

Posted by franciscocastro - 29/10/15 at 03:10 p.m.

Samain.

A ver, que non é tan difícil. Dicide Samaín, non Halloween. Que nós tamén temos esa festa de defuntos, de rir dos mortos, de tomarnos a morte a coña. E vén de hai moitos séculos, era unha festa celta, e moi metida dentro dos costumes galegos dende sempre, dende moito antes de que o cine estadounidense con toda a súa fortaleza (e marabilla, que nos gusta, ollo) nos impuxese comer flocos de millo, salas idénticas todas iguais en centros comerciais, hamburguesas e a Justin Beaber, ese nacho agradable.

Témolo e de toda a vida. E cómpre que así llo digamos ás nenas e nenos que hoxe, orgullosos e felices, van aos centros educativos cos seus disfraces terroríficos e acoden a festas a pasalo ben a conta dos cairos, os ollos caídos, a carne podre, as caveiras, as vasoiras para voar e todo o que nos apeteza para esta entroidada xenial.

Temos Samaín, a festa esa. E ten un nome de nós. E reivindicar o nome de nós, o Samaín, non é nin sequera un exercicio de orgullo. É que se chama así. Coma as filloas se chaman filloas, o magosto, magosto, e a queimada, queimada.

Temos esa festa. E de toda a vida. Eu de cativo baleiraba as cabazas con outros amigos e amigas do barrio, e puñámolas cunha candea dentro nos cruces das rúas, para imaxinar que asustabamos á veciñanza que, por suposto, facía como que se asustaba. E nin se sabía do Halloween, truco o trato e todo iso.

Temos Samaín. Como moito, podo galeguizar o nome e aceptar Ghalopín. Non máis.

Pois iso.

Os comentarios están pechados.