As subvencións á Fundación Francisco Franco

Posted by franciscocastro - 28/10/15 at 03:10 p.m.

franco

Que exista unha Fundación Francisco Franco, dedicada ao coidado, coñecemento e divulgación dunha das figuras máis asasinas da historia da humanidade, xa é dabondo incomprensible e só pode pasar nun sitio como España. Francisco Franco foi un dos representatnes máis absolutos do mal absoluto. Coma Hitler. Que exista unha Fundación, insisto, dedicada a el, xa ten bemoles. Pero que, ademais, que reciba subvencións do Estado, ou sexa, dos teus cartos e dos meus, para realizar as súas actividades, ademais de ser unha vomitona sobre as fosas comúns onde maldescansan os e as asasinadas polo fanatismo que el encabezou, xa non ten ningunha clase de explicación.

Durante catro anos presidín Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Pateei todo canto despacho oficial hai. Pedindo cartos, poucos, sempre con humildade, sempre consciente da crise e os recortes e ailalelo e ailalalo e, case que sempre, atopei portas pechadas, ou medio abertas, e moi pouca colaboración agás honrosas excepcións. A nosa asociación promove a lectura, as bibliotecas, o traballo das autoras e autores e das xentes da ilustración. Non fomenta o consumo de drogas ou a violencia, senón a lectura de Literatura Infantil e Xuvenil. Chegar a fin de mes, todos e cada un dos meses, foi unha absoluta agonía.

Nos últimos tres anos do goberno actual, esta fundación recibiu algo máis de 150.000 euros. A meirande parte das asociacións culturais galegas reciben, dende logo, moitísimo menos.

Debe de ser que iso da lectura non é tan importante como loubar a figura dos asasinos ditadores.

Os comentarios están pechados.