Ai como (te) son estes pijos! (Marta Rivera de la Cruz: tú si que vales)

Posted by franciscocastro - 15/10/15 at 02:10 p.m.

Marta_Rivera_de_la_Cruz

Nos últimos días asistimos espantados a dous artigos, un en ABC (que fixo todo un despregue “informativo” sobre as mellor e peor vestidas o día do desfile militar ese) e outro a cargo da escritora Marta Rivera de la Cruz, contra o xeito de vestir do alcalde de Ferrol.

Digo que o asunto é espantoso pero paso de explicalo. Calquera que teña dous dediños de fronte e algo dentro da cabeza, decatarase do terrible que é que os xornais, as revistas, algúns programas de televisión, etc., sigan falando do look de raíña, de como ía a muller do presidente, ou de como lle cae a falda a non sei que ministra. É dun machismo tan soez, repunante e medieval que pararse nisto dá noxo. É seguir insistindo no discurso de sempre: as mulleres son obxectos, cousas para ver. Se pensan ou non, tanto ten.

(Eses mesmos medios, por exemplo, critican o “escándalo” da vestimenta de Carmena ao tempo que silencian os escándalos financeiros, os roubos e a corrupción doutra moita xente moi ben vestida).

No que quero é insistir na “pijería”, en como (te) son estes pijos que, no fondo, están rebentados, cabreados, doídos, molestos, enfermos, porque persoas que consideran inferiores, clase B, indignos, idiotas, mediocres, en definitiva, plebe, ocupen posicións de poder. Porque xa se sabe: o poder é cousa só dos que teñen cartos. O artigo de Marta Rivera de la Cruz (segundo o que se escoita por aí, futura ministra de cultura se goberna Ciudadanos) é moi claro neste sentido. Mirade que frase de pija cando fala sobre o mal que viste, segundo o seu criterio, o alcalde de Ferrol: “Comprendo que todo esto le viene ancho, que no están preparados, ni saben, ni les han enseñado”.

Os pijos (te) son así. Xúlgante pola aparencia, polos cartos que tes, polos coches que conduces, polo cargo que ocupas.

A min as pijas non me gustan.

E non precisamente por como visten ou porque me parezan feas (hainas moi lindas). Non me gustan porque son parvas.

Iso si: o bolso de Louis Vuitton quédalles comodios.

Os comentarios están pechados.