Dos cartos que si hai para os asuntos de matar e dos cartos que non hai para dependencia

Posted by franciscocastro - 14/10/15 at 02:10 p.m.

12 de outubro

Este é o típico artigo que quen non teña ganas de debatir sobre o que plantea o despacha cun “é demagoxía”. Xa sabedes: cando se di algo moi obvio, do tipo, “cos cartos que gastaron no paseo militar do outro día, comían milleiros de nenos e de nenas todo o ano”, pois se dis algo así, unha obviedade moi obvia, sempre aparece alguén (probablemente alguén que se excita vendo as paradas militares) a dicirche, “non sexas demagogo!”.

Pero aquí vai: resulta que hoxe a prensa publica que máis de 100.000 dependentes faleceron dende o ano 2012 agardando polas axudas que lles correspondían e que o estado, logo de papeleo, probas, papeleo, peritacións, papeleo, inspeccións, papeleo, valoracións, papeleo… lles recoñecera. Iso, ademais, tendo en conta que o que se destina a dependencia hoxe en día é infinitamente menos que o que se destinaba hai anos.

Pero…….. lemos tamén na prensa que Rajoy disparou (que verbo máis ben traído aquí) o gasto de Defensa en 8717 millóns de euros por enriba do que estaba nos Presupostos. Ou sexa, non é que se gastase iso. É que xa había 5.000 millóns de euros previstos para gastar nas cousas de matar. Unha das partidas, por certo, máis grandes de todo o que o Estado gasta.

En fin, que cartos hai. Non me digades que non.

Se cadra, dicídeme que son un demagogo.

Os comentarios están pechados.