Canta hipocrisía coas profesoras e profesores!

Posted by franciscocastro - 05/10/15 at 02:10 p.m.

Don-Gregorio-Fernando-Fernan-Gomez

Hoxe é o Día Mundial do Docente, e hoxe no twitter os hastag referidos a eles son TT, e hoxe os telexornais abrirán faladndo da celebración, e hoxe os políticos farán grandes comunicados falando da súa importancia, que o sistema educativo é fundamental nunha sociedade e que grazas á escola somos máis libres e ailaleo ailalalo…

Logo, no día a día, seguirán sendo ignorados pola administración, os seus recursos seguirán sendo recortados, as súas demandas, desatendidas, o seu traballo, feito en condicións máis penosas. Seguirán facéndose reformas educativas sen contar coa súa experiencia, coa súa opinión, co seu criterio fundado. Seguirán vendo como se lles toma por parvos pois o que se lles dá é o contrario xa non só do que merecen, senón do que se lles promete.

Sempre o digo: non hai oficio máis importante que o ensino. Se somos quen somos é porque milleiros de profesoras e profesores fan o seu traballo a pesar dos políticos, a pesar das administracións educativas, a pesar das inspeccións e, hai que dicilo, a pesar da meirande parte das familias que confuden os colexios coas garderías, aos profesores con servos e o ensino cunha carga que hai que soportar. Xa se sabe: todo o mundo sabe de pedagoxía. Hai moito pai e moita nai que sabe máis ca eles e elas e, sobre todo, que sabe como hai que facer o traballo (quería velos eu con 28 nenos e nenas nunha clase de segundo de primaria todo o día, todos os días da semana…).

Sen elas e eles non somos nada. Sen o seu traballo. Sen a súa dedicación, aínda que soe tópico, abnegada.

Sempre o digo, insisto: a persoa que máis me influiu na vida foi a señorita Mari, heroína profesora nunha escola unitaria de Teis, con 90 alumnos alí de media, botados ao monte. Aínda así, aprendeunos a ler e a escribir. O resto foi todo máis doado grazas a ela.

Hoxe é o día das profesoras e dos profesores.

Oxalá a sociedade fose de verdade consciente do importantes que son e se deixasen, de vez, de tantas hipocrisías.

Os comentarios están pechados.