Que Andrea marche en paz (non están prologándolle a vida; están a prolongar o sufrimento)

Posted by franciscocastro - 01/10/15 at 02:10 p.m.

Andrea

Non hai dúbidas, por duro que sexa dicilo (podo imaxinar a dor infinita dese pai e desa nai suplicando que cese a agonía irreversible de Andrea, a súa filla, a que máis queren), que hai que poñerlle fin ao sufrimento de Andrea. Ademais de que hai un informe favorable do Comité de Ética da Xerencia que foi solicitado polo propio servizo de Pediatría do CHUS para que se lle deixe de manter a vida artificialmente, o senso común, o amor, a humanidade, así o indican. O servizo de Pediatría, que se nega a desconectarlle o alimentador e o resto dos aparellos que a manteñen con ¿vida?, alegan que están cumprindo a lei, que non hai motivos para pensar que agora sufre máis que hai uns meses, e que aínda non se deron as circunstancias clínicas como para que empece a ser tratada como unha doente terminal. En Galicia, dende hai uns meses, está en vigor unha lei que coida dos enfermos terminais para que, se esa é a súa vontade, rexeiten tratamentos a pesar de que poida acelerarse o momento da morte. Para os menores de dezaseis anos, como é o caso, serán os titores legais os que decidan.

Eu creo que non pode haber moito debate sobre isto.

A enfermidade de Andrea é letal. Non hai posibilidade de mellora. Só pode sufrir máis e máis e máis.

Ela e a súa familia. Din que acodirán aos tribunais para que lles dean a razón. Que non sexa necesario. Que se impoña a lóxica, a humanidade, o amor, a lucidez.

É importante que se entenda a magnitude brutal do que están pedindo que é, tamén, un xeito de seguir amando á súa filla.

Que se entenda isto e, sobre todo, que se entenda que o sistema sanitario non está a prolongarlle a vida. Están a prolongarlle a dor e o sufrimento.

Que Andrea marche en paz. Dignamente.

É o máis humano.

Os comentarios están pechados.